Este venres 22 de novembro, tivo lugar na Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, o acto de clausura e a entrega de diplomas do curso de “Agricultura Ecolóxica” aos 10 alumnos da Asociación, do Hospital de Día do CHUF e do Plan de Inclusión Social de Galicia.
O curso, que se iniciou o 16 de maio e que tivo unha duración de 490 horas teórico-prácticas, desenvolveuse entre a “Finca Os Vicás”, terreo cedido polo Concello de Narón, así como na explotación Agronuquel, certificada co selo do CRAEGA, para a produción de hortaliza ecolóxica. A formación foi financiada a través de Inserta Empleo (Fundación ONCE) e a colaboración do Concello de Ferrol, mediante un convenio dirixido ao mantemento do taller de agricultura ecolóxica.
Ao acto de clausura e entrega de diplomas, asistiron ademais dos alumnos, Menchu Iglesias Rey, Directora Rexional de Inserta Galicia, Lourdes Expósito, Coordinadora do Curso, Bárbara Rivera, propietaria de Agronuquel, Félix Pena Calvo, Presidente da Asociación, Divina Amenedo Grueiro, Directora e Coordinadora do Proxecto desde a Asociación e Cristina Cagiao Tenreiro, profesora do taller; tras o acto tivo lugar unha degustación de aperitivos.
A través desta formación os alumnos adquiriron coñecementos, habilidades e aptitudes útiles para desenvolverse no ámbito profesional da produción de hortaliza ecolóxica, obter produtos agropecuarios ecolóxicos con técnicas agrícolas e gandeiras e mellorar a biodiversidade e a estabilidade do medio, así como a fertilidade de chan, en condicións de calidade e aplicando a regulación de produción ecolóxica, de prevención de riscos laborais e de protección ambiental.