Saúde Mental
A saúde mental segue sendo unha gran descoñecida, coñecer e entender o que son os problemas de saúde mental é o primeiro paso para avanzar cara a unha sociedade máis xenerosa coa diferenza, libre de tópicos e afastada do estigma e os prexuízos.
Preguntas frecuentes
A Organización Mundial da Saúde (OMS) define a saúde mental como “un estado de benestar no cal o individuo é consciente das súas propias capacidades, pode afrontar as tensións normais da vida, pode traballar de forma produtiva e frutífera e ademais é capaz de facer unha contribución á súa comunidade”.
A importancia da saúde mental se destaca na propia definición de saúde que fai a OMS, sendo “a saúde un estado de completo benestar físico, mental e social e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades”.
Para coidar a nosa saúde mental debemos manter hábitos de vida saudables: unha dieta equilibrada, ritmos de vida tranquilos, gozar do tempo de lecer, fuxir do sedentarismo, coidar e coidarnos así como reducir ou evitar o consumo de substancia tóxicas.
Un trastorno mental grave é unha alteración de tipo emocional, cognitivo e/ou do comportamento, no que quedan afectados procesos psicolóxicos básicos como son a emoción, a motivación, a cognición, a conciencia, a conduta, a percepción, a aprendizaxe e a linguaxe, o que dificulta á persoa a súa adaptación á contorna cultural e social na que vive e crea algunha forma de malestar subxectivo.
Pero é importante ver os problemas de saúde mental como unha parte da vida da persoa e non como un todo que anula o resto das súas capacidades, ademais os problemas de saúde mental pódense tratar para lograr a recuperación e a mellora na calidade de vida.
Segundo a OMS unha de cada catro persoas presenta un problema de saúde mental ao longo da súa vida, aínda que pode existir unha predisposición xenética a padecer enfermidades mentais, os factores ambientais son moitas veces determinantes para a aparición de problemas, polo que todos estamos expostos a iso.
En Galicia hai preto de 30.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, en España entre o 2,5 e o 3% da poboación adulta ten un problema de saúde mental grave, o que suma máis dun millón de persoas e se estíma que un total de 450 millóns de persoas en todo o mundo vense afectadas por unha enfermidade mental grave.
Na actualidade existen diferentes manuais para o diagnóstico dos problemas de saúde mental por parte dos profesionais da saúde, aínda que hai certo desacordo na clasificación das mesmas e os modelos de traballo en saúde mental, podemos distinguir entre os seguintes grandes grupos que son aqueles que teñen unha maior incidencia na poboación:
Trastornos do estado de ánimo
A seu principal característica é que afectan á persoa emocionalmente e supoñen unha alteración do humor.
Un exemplo é o trastorno bipolar, que combina períodos de moita exaltación (maníacos) con outros de total abatemento (depresivos). A duración de cada fase varía en cada persoa, e altérnanse con outros períodos nos que o estado de ánimo normalízase e os síntomas da enfermidade desaparecen practicamente por completo.
Os trastornos depresivos son outro tipo de trastornos do estado de ánimo, que presentan síntomas como a tristeza, a desesperanza e a inhibición.
Trastornos de ansiedade
Son trastornos nos que predominan o medo e a inseguridade, e se caracterízan pola anticipación dun futuro perigo ou desgraza acompañados dun sentimento incómodo.
Algúns exemplos son o trastorno de pánico, o trastorno obsesivo-compulsivo, as fobias e o trastorno de estrés post-traumático.
Trastornos relacionados con substancias
Inclúen problemas asociados co abuso do alcol e as drogas ilegais ou legais. Os síntomas máis habituais son cambios no comportamento (alteracións no apetito ou no sono, diminución do rendemento escolar ou laboral, falta de motivación…), cambios físicos (perda ou incremento de peso repentinos, deterioro no aspecto físico, tremores…) e cambios sociais (cambio de amigos, problemas legais, necesidade de diñeiro…).
Trastornos psicóticos
Son os coñecidos como trastornos de separación da realidade xa que causan un desprendemento da mesma (delirios).
O exemplo máis notable é a esquizofrenia, cuxa característica principal é que a persoa experimenta unha grave distorsión entre os seus pensamentos e emocións. É frecuente que escoite ou vexa cousas que non existen, seille da súa contorna, descoide o seu aspecto, os seus quefaceres ou crea cousas que non son verdade.
Trastornos de personalidade
Estes trastornos se caracterizan porque a persoa presenta unha forma de sentir e de comportarse que se afasta moito do socialmente aceptado, como poden ser condutas violentas, inestabilidade ou grandes dificultades para relacionarse.
Exemplos destes trastornos son o trastorno límite de personalidade e o trastorno antisocial da personalidade.
Outros trastornos
Outras enfermidades mentais son os trastornos do soño, trastornos sexuais, trastornos da conduta alimentaria, trastornos do control dos impulsos, etc.
Tamén existen os trastornos disociativos (nos que se altera o sentido de si mesmo), os trastornos somatomorfos (nos que hai síntomas físicos sen causa clara) ou os trastornos do desenvolvemento (que comezan na infancia, a nenez ou a adolescencia, por exemplo o déficit de atención, o trastorno do comportamento, etc.
Como se accede aos nosos centros e actividades?
Para ser usuario dos nosos centros é necesario utilizar o circuíto de derivación a través do SERGAS para o Centro de Rehabilitación, e o da Consellería de Política Social para o Centro Ocupacional.