Servizo de Información, asesoramento e apoio

Proporcionamos información e asesoramento individualizado a persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares e achegados sobre saúde mental, recursos e servizos.

A liña de acción deste servizo está enfocada a:

  • Información e apoio.
  • Acompañamento social.
  • Asesoría xurídica.

Centros de atención especializada

Centro de Rehabilitación Psicosocial

A Rehabilitación Psicosocial é un proceso orientado a mellorar o funcionamento persoal e social, a calidade de vida e o apoio á integración na comunidade de persoas con problemas graves de saúde mental para que poidan gozar dunha vida plena.

O noso Centro de Rehabilitación Psicosocial está dirixido a persoas de 18 a 65 anos que teñen problemas graves de saúde mental. O noso obxectivo principal é mellorar a calidade de vida das persoas que viron interrompido o seu proceso de vida por un trastorno mental grave que afectou ao seu funcionamento cotián, prestándolles o noso apoio no seu propio proceso de recuperación.

Para acceder aos nosos Centros de Rehabilitación Psicosocial é necesaria unha derivación do psiquiatra de referencia.

 

Centro Ocupacional

O Centro Ocupacional pretende poñer ao alcance das persoas con problemas de saúde mental os recursos necesarios para promocionar a súa autonomía e conseguir a súa integración laboral.

Está dirixido a persoas de 18 a 65 anos con problemas graves de saúde mental. Queremos facilitarlles a adquisición de roles sociais para evitar situacións de illamento e dificultades de integración social e laboral mediante a posta en marcha de programas de apoio psicosocial e laboral, baseándonos no valor do traballo como ocupación produtiva.

Para acceder ao noso Centro Ocupacional é necesaria unha derivación a través do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal da Consellería de Política Social.

Servizos de vivenda

Pisos protexidos

Os pisos protexidos son unha alternativa de aloxamento estable e normalizada na comunidade, onde proporcionamos o apoio e a supervisión necesarios para facilitar á persoa con problemas de saúde mental o seu mantemento na comunidade coa mellor calidade de vida posible e promovemos os procesos de rehabilitación, recuperación e integración social.

Contamos con 3 vivendas protexidas cun total de 12 prazas concertadas co SERGAS ( Servizo Galego de Saúde).

Apoio e acompañamento en domicilio

Co programa de acompañamento integral queremos favorecer o desenvolvemento da autonomía persoal e integración na comunidade.

Traballamos con persoas que presentan disfunción na área de actividades da vida diaria, dificultades na continuidade da atención sociosanitaria e/ou unha baixa participación nas actividades da comunidade.

 

Servizos de acción social

A través do servizo de acción social intervimos para ofrecer á persoa con problemas de saúde mental e en situación de alta vulnerabilidade, un servizo especializado multiprofesional e integrado que busca o mantemento da persoa na súa contorna coa mellor calidade posible,

  • Atención en domicilios no ámbito rural.
  • Atención en domicilios en situación de extrema vulnerabilidade e/ou exclusión social en zonas urbanas.

Servizos de inserción laboral e emprego

Contamos cun servizo de orientación laboral en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia, para prover ás persoas con problemas de saúde mental dun servizo especializado e específico de emprego, no seu proceso de autonomía, integración e normalización social.

Servizos de ocio e deporte

Viaxes, estancias vacacionais e deporte

O deporte e gozar do tempo de lecer contribúen a promover a nosa saúde e benestar físico e emocional, é por iso que ofertamos un programa amplo de actividades que favorecen a organización do tempo libre, a interacción social, a participación e regulan o exceso de tempo libre inactivo que con frecuencia experimentan as persoas con problemas graves de saúde mental.

Servizo para familiares e achegados

Servizo de información, asesoramento e apoio a familias

O servizo de información, asesoramento e apoio a familias, é un servizo especializado, multiprofesional e integrado onde proporcionamos información, soporte, recursos e/ou ferramentas que contribúan á mellora e fortalecemento persoal en relación á problemática de saúde mental do seu familiar e achegado.

Servzo de formación

Co servizo de formación pretendemos ofrecer ferramentas de capacitación para poder abordar as dificultades da vida diaria co seu familiar ou achegado e comprender mellor os problemas graves de saúde mental.

Servizo para o colectivo e a comunidade

Servizo de comunicación

Queremos trasladar á sociedade e a determinados grupos específicos unha imaxe positiva das persoas con problemas de saúde mental, a realidade do propio colectivo en Galicia e os resultados do traballo das entidades e da Federación.